O escritor senegalés Baba Dioum, a finais do século pasado escribiu: " A fin de contas, somentes conservamos o que amamos. Somentes amamos o que comprendemos. Somentes comprendemos o que nos ensinaron".

Dende Mardelira coas diferentes actividades que realizamos pretendemos ensinar para comprender, e deste xeito amar o medio mariño, para tratar de conservalo.

¿Que é Mardelira?

Mardelira é un proxecto que nace na Confraría de Lira cos obxectivos básicos de dar a coñecer o mundo da pesca e o mar á sociedade ademais de dinamizar o entorno social da comunidade pescadora de Lira.

Basicamente, con Mardelira tratamos de dar a coñecer a cultura mariñeira para promover o respecto polo mar:

  • Difundindo a cultura da pesca artesanal e os seus valores ó mundo da educación e a sociedade.
  • Organizando actividades deseñadas para comunicar os nosos saberes.
  • Compartindo con nos unha xornada de pesca.

Con esta iniciativa a Confraría de Pescadores de Lira, quere buscar a dinamización dunha comunidade ata o de agora dedicada en exclusividade á explotación dos recursos mariños e que quere abrir novos horizontes á súa actividade tradicional, botando man do tesouro de sabiduría mariñeira e de riqueza natural e paisaxística que recibiu en herdanza.